Saturday 04 de May de 2024

Último día para presentar alegacións ao proxecto do parque eólico “Caaveiro”


Hoxe tamén finaliza o período de alegacións iniciais ao parque “Tesouro”, proxectado por ENEL nos concellos da Capela e As Pontes

Hoxe ás 23.59 h finaliza o prazo para rexistrar alegacións ao proxecto do parque eólico “Caaveiro” que a multinacional ENEL Green Power pretende instalar na zona sur do noso municipio e tamén en territorio de Neda, Fene, Cabanas, A Capela e As Pontes, como parte dun conxunto de seis parques situados en 50 quilómetros arredor da térmica de Endesa. As persoas, interesadas ou non, que queiran presentar os seus escritos teñen até este mediodía para achegalos presencialmente ao rexistro de calquera Administración pública, aínda que tamén poden facer o trámite antes de que remate o día a través da Sede Electrónica da Subdelegación do Goberno, sempre e cando dispoñan de certificado dixital. Por outra banda, hoxe tamén conclúe o prazo de alegacións iniciais ao proxecto “Tesouro”, promovido igualmente por ENEL, con afección sobre os concellos da Capela e As Pontes.

Os modelos xenéricos preparados polo servizo de asesoramento contratado polo Concello poden descargarse en formato .pdf, .odt e .docx para cubrir e asinar directamente ou para que calquera poida modificalos antes de presentalos.

O modelo incide en varias cuestións que, de ser atendidas, abondarían para paralizar o proxecto tal e como está deseñado na actualidade. Entre outras menciónase a proximidade dos muíños a vivendas -a menos de 500 metros nalgúns casos-, a posible incidencia das obras en traídas e acuíferos ou a incerteza sobre os niveis sonoros que podería ter que soportar a veciñanza no caso de que o parque chegue a construírse.

Ademais tamén se enumeran normas sectoriais europeas, estatais e autonómicas que evidencian distintos incumprimentos e o escaso prazo de exposición pública dado pola Administración estatal para que os veciños e veciñas poidan analizar o proxecto e defender os seus dereitos. Por outra banda, o modelo tamén asegura que Caaveiro forma parte dun conxunto de 6 parques eólicos fragmentados artificialmente que deberían ser avaliados como un único proxecto industrial de grandes dimensións. Cualifícase esta estratexia -rexeitada en varias sentenzas xudiciais- como unha maneira de “minorar as garantías de protección ambiental, ao aniquilar a posibilidade de avaliar conxuntamente o proxecto”.

O modelo básico de alegacións tamén apunta a que Caaveiro estaría fóra das áreas de desenvolvemento eólico de ámbito autonómico e que, polo tanto, sería inviable desde o punto de vista administrativo na súa configuración actual, salvo que o Consello da Xunta de Galicia o autorice no futuro -neste momento a Xunta ten emitido un informe desfavorable por este mesmo motivo- amparándose nunha hipotética “función vertebradora do territorio”.

A relación de alegatos xenéricos complétase con mencións ao impacto paisaxístico e sobre os hábitats, ao feito de que as instalacións tocan o ZEC Xubia-Castro (algo que tamén se reflicte no informe desfavorable da Xunta) e incluso apuntan á falla dun estudo hidrolóxico que reflicta as posibles consecuencias sobre as augas superficiais e subterráneas das que se abastece grande parte da zona que se vería afectada polos movementos de terras necesarios para construír as zapatas dos muíños, abrir pistas ou facer gabias para soterrar liñas de evacuación.

As alegacións poden presentarse ata as 23.59h deste mércores 4 de agosto
Os modelos de alegación poden rexistrarse presencialmente en calquera Administración antes de que finalice o seu horario de atención ao público. Porén, tamén hai a posibilidade de facer o trámite desde a casa antes da medianoite.

Quen teña certificado electrónico deberá ter preparado no ordenador o seu escrito e despois entrar nesta ligazón: https://rec.redsara.es/registro/. Tan pronto como piquemos nela activarase a verificación do certificado que vaiamos usar para acceder e, feito isto, preguntaranos se actuamos como persoas interesadas ou como representantes (doutras persoas ou dalgún colectivo ou empresa). No caso de particulares que actúan en nome propio haberá que elixir “interesado/a”. Logo abrirase un formulario onde xa aparecerán preconfigurados os datos de identidade e, despois, os do enderezo, que haberá que completar no caso dos campos que aparecen cun asterisco.

A continuación o formulario mostra o campo “Organismo destinatario”. Copiando e pegando nel o código E05024601 xa se mostrará automaticamente ao cabo duns segundos o campo “Subdelegación del Gobierno en A Coruña – Área Func. de Industria y Energía”, organismo ao que deben dirixirse todas as alegacións.

No apartado “Asunto” do formulario haberá que indicar “Alegacións ao Parque Eólico Caaveiro”. No campo de “Expone” haberá que poñer “Presentación de alegacións” e no de “Solicita”, escribir simplemente “Dáselles traslado”, posto que as alegacións en si xa irán no documento en .pdf que haberá que cargar no campo “Documentos anexos” (hai que poñer un nome descritivo, tipo “Escrito alegacións PE Caaveiro”).

O aplicativo permite distintos tipos de arquivo, pero o mellor é cubrir o escrito de alegacións en .docx ou .odt, logo exportalo a .pdf, asinalo con Autofirma ou outra ferramenta de sinatura electrónica e despois anexalo no formulario de rexistro. Hai que ter coidado cos documentos escaneados, posto que poden exceder o peso máximo de 10 MB e, polo tanto, a web non nos deixará rexistralos. Se actuamos como representantes de terceiras/os debemos incorporar tamén os documentos que acrediten esa representación, tendo en conta que tampouco poderán superar os 10 “megas” de peso nin os 15 MB para o conxunto de todos os documentos que adxuntemos.

Antes de acabar podemos deixar como opción un correo electrónico para que nos quede constancia nel do rexistro. O trámite remata coa sinatura dixital da solicitude e co seu rexistro telemático.